Tuesday 21 de May de 2024

Sanidade habilita 360 puntos de vacinación fronte á gripe na provincia da Coruña na campaña que se iniciará o vindeiro luns


Ata o 19 de decembro poderanse vacinar todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco

A Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro luns -19 de outubro- a campaña de vacinación fronte a gripe, que se prolongará ata o vindeiro 19 de decembro. A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, que esta mañá mantivo unha reunión de traballo coa xefa territorial da Coruña, Cristina Pérez, para analizar os datos e supervisar a posta en marcha da campaña, destacou que a provincia da Coruña contará neste exercicio con 360 puntos de vacinación distribuídos en centros de saúde e consultorios, hospitais, centros hospitalarios públicos, centros médicos e consultas médicas privadas, residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada, unidades asistenciais de drogodependencias, centros penitenciarios e centros de atención á discapacitados.
Sanidade prevé superar este ano a taxa de vacinación fronte a gripe acadada na campaña do ano pasado entre a poboación maior de 65 anos, que foi do 36,45% na provincia e chegar a unha cobertura do 65%. Ao igual que no exercicio anterior, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais, redúcense as posibilidade de transmitir a enfermidade ás persoas ás que coidan e atenden. Así, entre os traballadores de atención primaria e especializada do Sergas, o obxectivo de cobertura é superar o 35%.
En 2014, na provincia da Coruña administráronse 188.353doses de antigripal, das que 87.950 se subministraron na área sa Coruña; 35.119, na de Ferrol; e 62.284, na de Santiago.
Poboación diana
A campaña está dirixida a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Nestes últimos, inclúense as persoas con enfermidades crónicas de risco, as embarazadas e as persoas ingresadas en institucións pechadas, entre outras. Ademais, forman parte da poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.

Organización da campaña
Utilizarase dous tipos de vacina: o primeiro para as persoas de 60 a 74 anos non institucionalizadas e as menores de 60 anos pertencentes aos grupos de risco; e o segundo, para a poboación maior de 74 anos ou de 65 ou máis anos que vivan en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo. En Galicia, o número total de doses adquiridas a través dun acordo marco co Ministerio de Sanidad e outras 13 comunidades autónomas é de 530.100, para as que se destinarán 1,89 millóns de euros.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Como novidade, o departamento autonómico porá en marcha unha web coa información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como para a cidadanía con aspectos prácticos.

Sanidade lembra á cidadanía que, dado á longa duración da campaña, hai tempo suficiente para solicitar a vacina progresivamente. Por isto, dende o departamento autonómico solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.